Thursday 19 de September de 2024

Andaina PSM inaugura este vindeiro mércores en Ordes o seu novo centro de rehabilitación psicosocial e laboral


Terá como convidado especial ao prestixioso oncólogo e investigador Anxo Carracedo. Tamén haberá teatro e charlas aos que poderá acudir calquera persoa que o desexe

Coincidindo co seu oitavo aniversario e co Día Mundial da Saúde Mental, Andaina Pro Saúde Mental inaugurará este vindeiro mércores 10 de outubro o seu novo centro de rehabilitación psicosocial e laboral de Ordes. Este está situado no número 14 da rúa Emilio Pardo Bazán, na zona do Paraíso, no casco urbano de Ordes.

Para este día tan significativo, a partir das 10.30 horas, contarase co apoio e a presenza do prestixioso oncólogo e investigador Anxo Carracedo. Unha hora antes convidarase a un almorzo para, a partir das 11 horas, ofrecer unha charla a cargo de Julio Rodríguez, membro da Fundación Galega de Medicina Xenómica. A parte máis lúdica darase a partir das 12.30 horas cando os usuarios e usuarias de Andaina PSM representen a obra teatral O Galo. Xa para concluír, ás 13.15 horas degustaranse uns petiscos a todas as persoas asistentes. Os veciños e veciñas que queiran acudir deberán confirmar asistencia chamando ao 981076405 ou a través do correo andaina@gmail.com.

Entre as persoas asistentes está confirmada a asistencia de diversos representantes dos concellos da comarca ordense, ademais da Mancomunidade de Ordes. Tamén acudirán José Girón e Antonio Hernández, presidente e director de FEAFES respectivamente, ou Sinda Blanco Lobeiras, subdirectora de Procesos Asistenciais (Área de Medicina).

Máis de 260 metros
A día de hoxe esta asociación, experta na atención integral das persoas con enfermidade mental, das súas familias e persoas coidadoras no ámbito rural, conta con 40 usuarios e usuarias na comarca ordense. Grazas a estas novas instalacións de máis de 260 metros cadrados de superficie útil, todas e todos eles poderán seguir valéndose das distintas actividades e servizos que se veñen brindando dende hai anos nesta zona. Así, ademais da atención ao público tamén se desenvolverán sesións de movemento e psicomotricidade; rehabilitación cognitiva; educación, saúde e deporte; arteterapia; xestión da atención psicolóxica no domicilio e clases de cociña; obradoiros de igualdade; ioga e habilidades sociais.

A dita actividade, da que tamén poden valerse persoas sen un diagnóstico emitido, vén avalada dende hai algún tempo polo Servizo Galego de Saúde (SERGAS). Recentemente asinouse un convenio de colaboración co centro de rehabilitación ordense e co seu programa de atención domiciliaria, tan importante nos concellos rurais debido ás circunstancias sociodemográficas e ás dificultades que se presentan á hora de acceder a este tipo de servizos.